lunes 23 de enero de 2012

Pena do Forno (Ventosa)

Hoxe en día existe unha ciencia que nos permite coñecer o pasado por medio do presente, dende o traballo de campo que se denomina etnoarqueoloxía; a estas conclusións "científicas" úneselle, en moitos casos, tamén o lexendario. En calquera lugar de Galicia existen multitude de exemplos, nas terras de Camba e Ventosa non ía ser menos é o caso da coñecida "Pena do Forno" que se localiza na paraxe do coto de Ampaio, parroquia de Ventosa, moi próximo aos límites coas terras de Camba (San Cristovo de O Az).
Segundo a "lenda", nesta Pena, os mouros que vivían por eses lares aproveitábanse dos ocos (de entrada e saída) para facer o pan. Evidentemente que os mouros non estiveron a facer o pan nela ou si; pero, non se desbota o feito de que algún uso se lle deu por algunha comunidade (pastores, cazadores, ...) cunha finalidade de "preparación de alimentos ou quen sabe se lúdica", xa que observando a rocha con detalle, si se ven certos lizos nela ou mesmo unha cor negruzca, no seu interior, que poideron ter unha orixe provocada polo lume (non dos incendios forestais) e que co tempo e buscando unha explicación, no maxín popular deu lugar a unha lenda.





PD: o que me contou a lenda nunca viu os mouros cocer o pan, a el que llo contaran os "vellos" da casa.

martes 17 de enero de 2012

A caza do lobo nas terras de Camba

Para a caza do lobo empregábanse trampas permanentes especialmente adicadas a el, coñecidas como "foxos"; que por regra xeral eran cilíndricos, de regulares dimensións, con valados de pedra e colocados en lugares do terreo que facilitasen a súa instalación e funcionamento.
Teño coñecemento do "funcionamento" dun destes foxos na parroquia de Asperelo (Rodeiro), no lugar denominado da "Chousa da Cerca", entre o monte Faro e a Porreira, onde se conservan á vista os restos do antiguo dispositivo formado por unha muralla de pedra que deixaba paso cara unhs foxos. Segundo me informaron, unha multitude de persoas, algunhas das cales tocaban cornos, coa axuda de cans, dirixían o lobo cara a cerca de pedra. Ao chegar a ela só quedaba unha saída na que había instalado un foxo profundo tapado con polas, que no seu interior gardaba conxuntos de estacas afiadas.
Os veciños da aldea de Couso eran os encargados de facela ramallada para tapar o foxo; toda a xente participaba na cacería, que comezaba dende o monte Faro de onde baixaban con panderetas e cornos, berrando a fin de sacar o animal da espesura cara a "Chousa da Cerca".
Unha vez cazado o lobo era levado a cabalo "de paseo" polas aldeas próximas, onde nalgúns casos, recollían como premio a súa labor, diñeiro ou alimentos (mel, queixo, ovos, chourizos, ...) destinados á unha comida colectiva "folidada"; entre os veciños, que viña a ser o remate da xornada de caza na casa de calquera veciño. Co lobo ou ben se vendía a pel ou se abandonaba o seu cadáver nun lugar onde a súa presencia evitaba que outros merodeasen pola zona.

viernes 16 de diciembre de 2011

DE FEIRAS

Revisando documentación antigua sobre a xurisdicción de Camba e Rodeiro, no tocante ás terras aforadas pertencentes ao arcebispado de Santiago de Compotela e en particular na Fortaleza de Rodeiro, vin a seguinte información de por si moi valiosa.
Onde di o seguinte: nun "apeo" (deslinde e demarcación) das terras próximas á dita fortaleza, solicitado polo arcebispado de Santiago no século XVIII, recóllese a documentación doutro apeo feito no ano 1576 onde se cita textualmente o "campo da feira" próximo á fortaleza de Rodeiro, cerrado sobre si, coa existencia de dúas cortes, unha casa e varias "pendellas" para os carros.

miércoles 14 de septiembre de 2011

Vieira na Torre de Camba

Aparece na torre de Camba unha vieira grabada nun sillar, o cal podería facer referencia ao paso de peregrinos cara Santiago, dentro do denominado camiño do Inverno. Esta vieira ten unhas dimensións de 15 cm x 15 cm e atópase a un metro de altura do chan (na cuarta fila de sillares).
Dita torre nalgún momento histórico (data do século XIII, seguramente construída por don Vasco Fernández de Rodeiro o mesmo que a desaparecida torre de Rodeiro) puido facer as veces de pousa de peregrinos, xa que dende tempo inmemorial por dito camiño do Inverno (denominado así hoxe en día) pasaban as xentes da "terra de riba" (de Chantada, Monforte, ...) cara as feiras, mercados, peregrinaxe en dirección a Santiago e un longo etcétera.

miércoles 15 de junio de 2011

Gravados rupestres en San Xulián de Ventosa (Agolada)

Despois do estudo sobre os gravados rupestres nas parroquias de Ventosa e Gurgueiro (concello de Agolada) publicado no ano 2006 dentro do Seminario de Estudos do Deza (Descubrindo) segue un a descubrir rochas con gravados rupestres, neste caso cazoletas.
As cazoletas teñen dúas características: por unha banda pénsase que dentro deste tipo de gravados son os máis antiguos e por outra banda son atemporais (foron feitos ao longo dos séculos ata ben entrado o século XIX).
A continuación presento as fotos de gravados rupestres (cazoletas) no monte de Ansemil (pertencente ao lugar de Cartemil) e moi próximos a unha rocha presentada no traballo do 2006, que contiña varios círculos concéntricos e cazoletas no seu interior e a unha paraxe onde presuntamente houbo algunha mámoa.



Cazoletas do monte de Ansemiles
(Ventosa)




Os seguintes gravados localízanse na cima do monte de Río (lugar de Río - Ventosa), próximos a unha mámoa de considerables dimensións e a uns abrigadoiros naturais, que probablemente algo tiveran que ver co asentamento humano nesa paraxe.



Cazoletas monte
de Río (Ventosa)





Mámoa no cume
do monte de Río

"Abrigadoiros naturais"
(cume do monte de Río)

jueves 21 de abril de 2011

Capela do Faro



Curiosa noticia do xornal ABC do domingo 29 de agosto de 1954 que fai referencia ao comezo da construcción da estrada dende Chantada ao santuario de Nosa Señora do Faro.



sábado 16 de abril de 2011

Inauguración pendellos Agolada


O pasado día 12 de abril inauguramos en Agolada, coa excusa da feira e dunha boa pulpada un pendello recentemente restaurado. Quedou feito unha maravilla!. Son dous pisos e un total de 20 metros cadrados, onde no primeiro piso hai cheminea, fregadeiro - mesado, mesa e banco corrido e no segundo piso: dormitorio, armario empotrado e cuarto de baño; incrible!. Todo moi aproveitado.

Ese día vin moita xente comendo nos pendellos e iso que era un martes. Vaia potencial que hai en Agolada co tema dos pendellos; hoxe por hoxe, dende o meu punto de vista, o pobo que ten o mellor recinto histórico xa non só da comarca do Deza (quen llo dera a Lalín!!!), tamén de moitos pobos da Galicia interior.

É hora de empezar a aproveitar esa riqueza monumental, de que os pulpeiros e tendeiros se acheguen máis aos pendellos e de que o pobo e a xente se anime a utilizalos aínda que soamente sexa para a papatoria.